18-09-2020
Un crowdfunding consegue que un estudante guineano entre no Máster Interuniversitario en Economía
O economista galego Brais Álvarez Pereira puxo en marcha unha campaña de recadación de fondos na plataforma
GoFundMe para conseguir que o seu amigo Jair Fernandes puidese entrar no Máster
en Economía co que colabora ECOBAS e vir a estudar á cidade olívica.
O estudante guineano foi aceptado no curso pero non contaba cos fondos
necesarios para financiar a matrícula e a súa estadía en Vigo, arredor de
10.000 euros, por iso xurdiu a iniciativa. Pasaron poucos días dende que
iniciaron a petición pero xa contan con
case 8.000 euros aportados en distintas cantidades por benfeitores
de todas as partes do mundo.
Motivación, dedicación e paixón
pola aprendizaxe
A amizade entre Jair e Brais xurdiu entre 2016 e 2018, período durante o
cal o galego traballou como economista para o Ministerio de Economía e Finanzas
en Guinea-Bissau. En 2018, Brais fundou un pequeno centro de investigación
socioeconómica, o Laboratorio de Economía de Bissau (BELAB). Para o primeiro
proxecto contou co apoio de Jair como principal asistente de investigación, por
recomendación de diferentes compañeiros. "Jair impresionoume dende o
primeiro día coa súa motivación e dedicación ao proxecto. A súa eficacia
converteuse na chave do éxito da iniciativa. Jair conta con unha grande
determinación e forza, e o principal obxectivo de todo o seu esforzo é
contribuír ao progreso do seu país. Dende esa experiencia, establecemos unha
sólida e duradeira colaboración profesional e unha amizade das que son para
toda a vida", explica o economista.
Unha idea orixinal que
deu froitos en pouco tempo
"A idea de conseguir que un día Jair puidera estudar en Europa
iluminóuseme ós poucos días de coñecelo, en canto vin canto se esforzaba no
proxecto no que estabamos a traballar xuntos, e a súa paixón continua por
aprender e construír unha carreira académica, malia a todas as dificultades ás
que tivo que enfrontarse para conseguir estudar a carreira de Economía. A idea
do crowdfunding ocorréuselle a Lucía Soldá, outra das organizadoras da campaña.
Vendo que a posibilidade de que o aceptaran nun bo mestrado estaba aberta,
atopar financiación a tempo de preparar os seus documentos antes do inicio do
máster, era o seguinte gran desafío", aclara o mozo.
Motivacións para estudar o
Máster en Economía na UVigo
Jair tivo a preferencia por estudar en Galiza e cursar este máster por varias
razóns. A primeira é a lingua. Aínda que entende ben o castelán e o galego,
Jair non ten certificados oficiais nestas linguas, e vivindo en Guinea-Bissau
non sería automático conseguilos. O feito de que os requisitos lingüísticos que
se impoñen aos estudantes estranxeiros non son requiridos ás persoas
orixinarias dos países de fala portuguesa, abriulle as portas a considerar Vigo
como unha opción. A escolla do máster en Economía do Sistema Interuniversitario
de Galiza debeuse en concreto á súa calidade de excelencia para a preparación a
unha carreira académica, a primeira prioridade de Jair. "Falamos sobre as
distintas posibilidades dentro da UVigo, e a Jair gustáballe o contido doutros
dous programas, pero acordamos que o máis oportuno era enfrontarse ao desafío dun
máster que o prepare técnica e metodoloxicamente para a investigación punteira
en economía. En termos de axudarlle na súa carreira, é difícil entender a gran
diferencia que fai nun país como Guinea-Bissau contar cun mestrado prestixioso e
de calidade dunha universidade europea, e xa non digamos cun
doutoramento", explica Brais.
Jair está completamente decidido a aprender o máximo posible, e a súa
prioridade é unha carreira académica. Se despois do mestrado conseguira a
aceptación e apoio financeiro para un doutoramento, podería continuar a súa
formación na Universidade de Vigo. "Agora que recibiu este apoio por parte
da sociedade galega seguro que a perspectiva de seguir formándose aquí lle
resulta moi atractiva. El está totalmente convencido de querer volver a
desenvolver a súa carreira profesional en Guinea-Bissau, pero como todas as
experiencias internacionais, quen sabe se un día o seu traballo contribúe a unir
Guinea-Bissau e Galiza ou Europa, traballando nas dúas terras".
Jair chegará a Vigo o día 19 de setembro con moita ilusión e agradecemento,
xa que a campaña iniciada so fai uns días conta xa con case 8.000 euros. O
orzamento estimado, adxunto na plataforma, é de 9.980 euros. Unha cifra que
servirá para pagar a matrícula universitaria, o aloxamento, a comida, o
transporte, o seguro médico durante doce meses, a viaxe de regreso a Bissau e
os documentos para o visado. Ti tamén podes contribuír facendo unha doazón neste enlace.
Dende ECOBAS estamos moi agradecidos a todas as persoas que formaron parte
desta iniciativa e participaron no financiamento, e esperamos que Jair teña
unha estancia agradable no noso país. Intentaremos axudalo en todo o que estea
nas nosas mans. Noraboa por todo o conseguido, ¡o esforzo pagou a pena!