Noticias

O Pont-Up Store reconvértese e adáptase á "nova normalidade"
16-09-2020

O Pont-Up Store reconvértese e adáptase á "nova normalidade"

A feira de emprendemento máis importante de Galicia, que tiña previsto celebrarse entre o 17 e 19 de setembro de xeito híbrido, adía as súas actividades presenciais trala inclusión de Pontevedra entre as zonas con especiais restricións por mor da covid-19.  

O Pont-Up Store manterá a formación de xeito telemático
 

Un ano diferente e estraño para todos os ámbitos da vida e tamén para a celebración da sétima edición do Pont-Up Store. A pesar das circunstancias, os organizadores decidiron articular o seu plan B e manterán toda a programación de formación online nos días establecidos, aprazando só a parte presencial  (stands, actividades demostrativas e outras) para unha data onde as restricións permitan celebrar a feira con todas as garantías. "Pensamos que finais de outubro podería ser unha data posible", afirma o organizador, Pedro Figueroa.
 

Pedro Figueroa, Director do Grupo de Investigación G4 Plus (Desenvolvemento estratéxico: organizacións e territorios) da Universidade de Vigo, Director do Observatorio Urbano de Pontevedra, Director do Observatorio Efecto PO2 e membro de ECOBAS, é o creador e impulsor do Pont-Up Store. Hoxe falamos con el para que nos conte como foron os preparativos e como están levando os cambios e a adaptación ás circunstancias.  

Un gran evento cun gran traballo de organización que se prolonga durante todo o ano
 

"O Pont-Up é un macroevento que comeza a organizarse a inicios de ano, xa que ten un longo período de deseño, presentación de candidaturas, selección de participantes e definición do programa de actividades formativas, e alóngase ata finais de xullo. Nese mes desenvólvese a fase final coa operativa previa e o evento ou feira en si. Todo o proceso de organización e maduración ten unha duración extensa pero este ano a tarefa foi aínda máis ardua, xa que por mor da pandemia tivo que modificarse todo o exposto inicialmente e adaptar o formato", explica Figueroa.  
"A pesar da situación, dende a organización tivemos claro que queríamos seguir adiante co evento e intentamos que se levase a cabo coa maior presencialidade posible, especialmente a parte nuclear que é todo o relacionado coa promoción e apoio aos emprendementos seleccionados. Todo o programa restante, como a formación, pensamos en facela híbrida para ter facilidade para reconvertela rapidamente a unha modalidade so presencial. Con esta estratexia en mente puidemos adaptarnos en moi pouco tempo ás circunstancias, pero os cambios do enfoque inicial e toda a organización posterior supuxeron un gran incremento da carga de traballo e maiores custes pola dixitalización e a aposta pola comunicación e difusión", afirma o profesor.  

Novidades para este ano na gran feira de emprendemento de Galicia
 

Todos os anos nos sorprende con algún novo ámbito ou espazo, como o chaman os organizadores, e é que o Pont-up vaise adaptando aos tempos e ás novas ideas de negocio, cada vez máis innovadoras e novidosas. "A nosa táctica é ir incluíndo progresivamente actividades diferentes e ver a reacción dos emprendedores e emprendedoras. Se vemos que algunha actividade ten un contido potente e conecta con eles implantámolo como un novo "espazo" como un bloque diferenciado. Así o fixemos no seu momento co Fab Lab, os videoxogos, a economía social, e na pasada edición co espazo de igualdade e de innovación social.
 

Este ano apostamos polas actividades de internacionalización, enfocadas ao cambio de hábitos, a perda de “medos” e a aprendizaxe a partir de experiencias de internacionalización en diferentes países. Máis que unha formación operativa, que tamén se contempla, é un intercambio para que os asistentes comecen a familiarizarse e non teñan medo á hora de internacionalizarse, algo que segue custando bastante, sobre todo en Galicia. É tamén importante sinalar que o 35-40% das candidaturas proceden das vilas ou do rural. Neste ámbito é importante o Espazo de Innovación social, con experiencias este ano moi interesantes na dinamización rural cunha dimensión internacional", comenta o director do evento.
 

"A covid non pode coa creatividade e o emprendemento"
 

Pedro Figueroa está contento cos resultados e afirma que nesta edición tiveron o mesmo número de candidaturas que no ano anterior, arredor de 150, das que seleccionaron entre 45-50 proxectos. "Non baixamos en número de candidaturas e non baixamos en calidade, poderíamos facer 2 ou 3 Pont-Up sen baixar o nivel. Quedan normalmente de entre 3 a 4 proxectos fóra por cada seleccionado. A covid non pode coa creatividade e o emprendemento. Por unha banda é triste non poder acoller a todos pero, polo outro lado, podemos ser optimistas pola grande capacidade do país para saír adiante", sentencia Figueroa.
 

A modalidade estrela é a do stand gratuíto combinada cun número elevado de actividades demostrativas no espazo central da carpa. Co paso dos anos, e especialmente dende a edición pasada, a sustentabilidade está nas propostas de negocio ou nos valores centrais dos proxectos seleccionados. Os organizadores afirman que este ano tamén se viu un crecemento de propostas con este compoñente. Facer un evento sustentable e respectuoso co medio ambiente é unha esixencia na que van avanzando edición tras edición.  

O Pont-Up Store é un espazo para dar visibilidade e testar produtos e servizos
 

"
Os emprendedores valoran en especial a promoción e a axuda a saír do descoñecemento da súa marca no mercado. Nós axudamos a visualizar e tamén é un bo espazo para testar produtos ou servizos, xa que por aquí pasan arredor de 20.000 persoas e nunca terán posibilidade de financiar un test tan masivo".
  Todo o evento é de balde, tanto para os emprendementos como para os visitantes ou asistentes ás actividades formativas e de aprendizaxe. Á formación, que debido ás circunstancias será online, tamén pode apuntarse calquera persoa, pero para algunhas limitarase o número de asistentes. Na carpa, situada na praza de España de Pontevedra, haberá un control de temperatura ao entrar e o aforo estará limitado a 300 persoas.  

"A burocracia mata a creatividade e a iniciativa"
 

En Galicia hai boas ideas de emprendemento pero aos mozos cústalles tomar a iniciativa e crear o seu propio negocio. "Nós temos un bo nivel de proxectos innovadores, pero poida que falte vocación á dimensión. O que queren os emprendedores e emprendedoras é menos burocracia e maior coordinación das actividades e recursos para o emprendemento, facilitando a financiación. A burocracia mata a creatividade e a iniciativa", comenta o director.
   
 SUSCRÍBETE A ECOBAS

Configuración de cookies

Este sitio web utiliza cookies para mejorar la experiencia mientras se navega por el sitio web. Las cookies que se clasifican como necesarias se almacenan en el navegador ya que son esenciales para el funcionamiento básico del sitio web. También utilizamos cookies de terceros que nos ayudan a analizar y comprender cómo utilizas este sitio web; estas cookies se almacenarán en tu navegador sólo con tu consentimiento. También tienes la opción de no permitir estas cookies, sin embargo, la exclusión de algunas de estas cookies puede afectar a tu experiencia de navegación.

Cookies necesarias


Estas cookies son estrictamente necesarias para el funcionamiento de la página, las puedes desactivar cambiando la configuración de tu navegador pero no podrás usar la página con normalidad.

cb-enabled
cookieControl

Instrucciones sobre cómo eliminar las cookies y más información en nuestra política de cookies.