10-07-2020
O investigador Hugo del Valle-Inclán Cruces, membro de ECOBAS, recibe un premio internacional
O centro de
datos LIS, con sede en Luxemburgo e Nova York, acaba de outorgar o seu premio
anual Aldi
Hagenaars Memorial ao investigador Hugo del Valle-Inclán
Cruces, estudante do Programa de Doutoramento Interuniversitario en Análise Económica
e Estratexia Empresarial da Universidade de Vigo, e membro de ECOBAS e do grupo
de investigación RGEAF.
O devandito
premio concédese ao autor menor de 40 anos do mellor artigo incluído durante o
ano anterior na serie de documentos de traballo que publica a mencionada
institución. O artigo premiado nesta edición, titulado Estimating Inequality of Opportunity in More
Periods Than Ever Before: The Capital Income Approach, foi seleccionado entre 19 traballos
cualificados por un comité conformado por seis membros con formación en
diferentes disciplinas das ciencias sociais. Este artigo constitúe un capítulo
da tese doutoral do galardoado, que trata sobre diferentes aspectos teóricos e
metodolóxicos da medición da desigualdade de oportunidades.
LIS é una asociación sen ánimo de lucro creada en 1983 que
se encarga de recompilar, harmonizar e poñer á disposición da comunidade
investigadora as maiores bases de microdatos sobre ingreso e riqueza
dispoñibles. Os galardóns
que outorga anualmente dende 1994 están adicados á memoria de Aldi Hagenaars, unha das primeiras
profesoras de economía na historia dos Países Baixos, quen sufriu unha
prematura morte con só 39 anos. O premio consiste nunha recompensa económica,
ademais da invitación a participar como membro distinguido do centro e presentar o
traballo galardoado no próximo LIS Summer Workshop.
O ingreso de capitais como ferramenta para medir a
desigualdade de oportunidades
O traballo seleccionado
propón un
novo método para medir a desigualdade de oportunidades que permite obter un maior número de
estimacións do que é posible cunha metodoloxía tradicional, grazas a aproveitar
a persistencia interxeracional dos ingresos de capital. Este método consiste en
empregar ingresos de capital como “aproximador” da orixe socioeconómica dos individuos, e así evitar estar atados pola
escasa dispoñibilidade de información sobre a educación e ocupación dos
proxenitores (que son os “aproximadores” habitualmente empregados na literatura).
“Primeiro defino a medida de ingresos de capital a empregar cun algoritmo deseñado para este
fin, e tras comprobar que a precisión do método proposto é moi satisfactoria,
aplícoo para estimar a evolución da desigualdade de oportunidades en Europa cun nivel
de detalle ata agora non posible”, engade Hugo.
“A desigualdade de oportunidades é un concepto
enmarcado nas teorías de xustiza distributiva que nos últimos anos está a atraer moita atención
nos círculos académicos e políticos”
O artigo premiado
é un capítulo da tese de doutoramento na que está a traballar Hugo, titulada Issues on the measurement of opportunity
inequality, dentro do
Programa de Doutoramento Interuniversitario en Análise Económica e Estratexia
Empresarial. Ademais do previamente mencionado, o seu traballo de investigación fai fincapé no papel que xoga o
xénero na determinación da desigualdade de oportunidades, "dimensión
que ás veces é ignorada incluso nun campo tan eminentemente igualitarista coma
este".
A tese do
alumno galardoado, dirixida polo coordinador de ECOBAS Carlos Hervés Beloso, ía
ser presentada o pasado mes de abril pero, co bloqueo dos prazos administrativos por
mor da Covid-19, tivo que agardar e será presentada nas próximas semanas.
“Non esperaba o premio en absoluto”
“Emprego os
datos do LIS na miña investigación, e a comezos do ano pasado fixen unha visita
ao centro no marco das axudas europeas do programa H2020. Pouco despois
enviei o artigo á súa serie de papeis de traballo, en parte para dar
visibilidade e agradecer o seu labor na recollida de datos. Nese momento indiquei que son menor de 40 anos,
pero cando esta semana me avisaron do premio foi unha completa sorpresa”, comenta Hugo.
Aquí podes ver un resumo
do documento premiado, que foi incluído na newsletter
que publica o LIS.