Noticias

Un novo desafío para o mundo do deporte
29-06-2020

Un novo desafío para o mundo do deporte

Patricio Sánchez, profesor de Economía Financeira da Universidade de Vigo, coordinador do Máster en Xestión Empresarial do Deporte e membro do Grupo de Investigación GEN e de ECOBAS, considera que o sector do deporte poderá recuperarse, pero terá que mobilizarse e buscar novas oportunidades.

As consecuencias da crise no deporte van depender da evolución dos condicionantes sanitarios


O impacto económico, social e legal da pandemia da Covid-19 é impredicible a todas as escalas, pero máis se cabe no mundo de deporte, un sector marcado pola transversalidade e a temporalidade. A curto prazo podemos ver os efectos da crise nas medidas de emerxencia que se tomaron inicialmente como o peche de instalacións deportivas, a suspensión de competicións e torneos, ou o aprazamento das xornadas deportivas. Pero, como será á volta á "nova normalidade"? Que consecuencias terá para o sector e como se adaptará as novas medidas sanitarias? Aínda é cedo para coñecer todas as consecuencias da pandemia no deporte e cando se poderá comezar a recuperar o sector, pero as primeiras estimacións oficiais falan de perdas no deporte español de entre o 30 e 40% en termos económicos e de emprego. "O efecto da crise vai estar condicionado pola evolución dos condicionantes sanitarios. O efecto no sector deportivo ten a particularidade da transversalidade do sector, o que fai moito máis difícil artellar solucións"- comenta o economista Patricio Sánchez.

Os clubs pequenos serán os máis afectados?


Segundo o profesor, os efectos da situación non dependerán tanto do tamaño da institución senón que entrarán en xogo outras cuestións de índole organizativa que van dende a propia modalidade deportiva a, máis especialmente, as vías de financiamento dos clubs.  "A recuperación dos clubs e institucións virá da man da propia recuperación da práctica deportiva. Por exemplo, segundo un estudo do Consello Superior de Deportes cífrase en case millón e medio de persoas a caída da práctica deportiva. Isto supón un 15% menos da situación anterior á pandemia. A reincorporación á actividade física deste segmento de poboación ten que ser unha prioridade, e na medida que se consiga, estarase favorecendo a todo o tecido deportivo e, polo tanto, aos seus traballadores e profesionais", aclara o investigador.


"Os meses de confinamento serviron para evidenciar a importancia da saúde e aí o deporte e actividade física ten moito que dicir"


A pesar das perdas económicas, os centros deportivos reaccionaron de maneira rápida e souberon adaptarse á situación e resistila, así como os seus usuarios e os deportistas profesionais, que tiveron que empregar a imaxinación para seguir adestrando. Durante a corentena moitos ximnasios e clubs mantiveron as clases de maneira telemática e tamén foron múltiples os vídeos de deportistas famosos que fixeron do seu fogar un auténtico centro de adestramento profesional. "Os contidos online nunca poderán substituír na súa totalidade ao deporte presencial pero está claro, e estes meses así o evidenciaron, que poden ser un complemento perfecto e unha grande oportunidade de negocio. Estou convencido de que o conxunto do ecosistema deportivo será quen de amosar a súa capacidade de resiliencia", asegura o economista.

Como será o deporte post-COVID?

"
Aínda é cedo para albiscalo posto que seguimos condicionados por aspectos estritamente sanitarios. O que si podo asegurar é que os eventos deportivos serán os últimos en recuperarse. No caso de Galicia, a Secretaría Xeral para o Deporte é consciente desta necesidade e neste momento xa está a valorar os protocolos individualizados presentados polas distintas Federacións". O profesor Sánchez tamén considera que a situación pode ser unha oportunidade para poñer en marcha novas estratexias que corrixan erros pasados. "Sen ánimo de crear polémica, pero coa experiencia de moitos anos de estudo sobre a economía do deporte, na miña opinión o principal condicionante do entramado deportivo español é o predominio dun só deporte como é o fútbol.  Non teño nada contra este deporte, todo o contrario, pero a dependencia a todos os niveis dunha soa modalidade deportiva constitúe unha seria limitación para o resto de deportes".


Os responsables do Máster en Xestión Empresarial do Deporte souberon reinventarse e buscar oportunidades


O profesorado e alumnado do programa de mestrado que coordina Patricio Sánchez sufriu tamén as consecuencias da pandemia, pero tentaron sacar o mellor deles e buscar oportunidades. Un exemplo foi a iniciativa de poñer en aberto as clases que faltaban para rematar o curso. "Foi un éxito, e máis de 100 persoas alleas se conectaron ás aulas podendo gozar dun dos nosos orgullos: o profesorado.  Ademais todo o alumnado amosou un comportamento exemplar. Temos pendente a despedida (presencial, por suposto) que confiamos en que se poida facer coa apertura do novo curso".
 
 SUSCRÍBETE A ECOBAS