Noticias

Brecha de xénero e desigualdades en tempos de coronavirus
25-06-2020

Brecha de xénero e desigualdades en tempos de coronavirus

A catedrática de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Coral del Río Otero, investigadora do grupo ECOSOT e membro de ECOBAS, considera que a pandemia mundial da Covid-19 provocará retrocesos para as mulleres e agravará a brecha de xénero se as administracións non interveñen.  

"As mulleres volven saír perdendo"


Aínda é cedo para facer valoracións e coñecer os efectos que a crise provocada pola expansión da Covid-19 xerará na poboación e na economía, en calquera caso, a investigadora Coral del Río afirma que xa se poden identificar algunhas diferenzas notables no impacto da crise en homes e mulleres. "Ambos grupos non ocupan posicións similares nos espazos público e privado, o que explica que non se estean vendo igualmente afectados, especialmente debido á maior presenza feminina en traballos precarizados e á súa maior carga nos labores de coidados e traballo doméstico".

Os contratos máis precarios están maioritariamente en mans de mulleres


"Dentro do traballo remunerado algúns dos sectores máis gravemente afectados pola perda de emprego debido á crise sanitaria teñen unha forte presenza feminina (como, por exemplo, o sector turístico, o comercio polo miúdo ou os servizos de coidados e atención á infancia e á dependencia), deixando a unha importante proporción das súas traballadoras e traballadores sen recursos e sen colchón financeiro, debido aos seus baixos salarios", explica a investigadora. "Lembremos, ademais, que nestes empregos do sector servizos os contratos máis precarios están maioritariamente en mans de mulleres. Outros sectores máis masculinizados como a construción, a industria ou o transporte de mercadorías probablemente veranse menos afectados. Tamén as mulleres son maioría na economía mergullada, o que dificulta que poidan acollerse ás medidas paliativas postas en marcha polo goberno central (como os ERTE). Pensemos, por exemplo, en todo o traballo doméstico contratado polos fogares, onde unha porcentaxe importante das traballadoras non están dadas de alta na Seguridade Social e son mulleres inmigrantes (cunha rede de apoio familiar máis reducida). Como evolucione o emprego nestes sectores no futuro, está por ver, pero a diferenza de anteriores crises económicas, xa nestes momentos iniciais estes sectores fortemente feminizados atópanse gravemente afectados".

A división sexual do traballo non parece reducirse coa pandemia


A catedrática considera que o confinamento xeneralizado que vivimos durante varias semanas, co peche dos centros educativos e a expansión do teletraballo, supuxo un experimento natural moi interesante á hora de valorar a puxanza dos avances na corresponsabilidade no fogar entre homes e mulleres. "Había una certa expectativa sobre se se acentuaría a presenza dos homes nas tarefas de coidados. Con todo, os primeiros estudos mostran que a división sexual do traballo non parece reducirse, polo menos de maneira relevante. O incremento na implicación dos homes non parece ser suficiente como para contrarrestar o maior aumento no tempo adicado polas mulleres a estas tarefas, sobre todo en fogares con menores, segundo apuntan varios estudos internacionais. No noso país, as primeiras estimacións de Lida Farré e Liberdade González confirman que as mulleres seguiron asumindo máis peso nas tarefas de casa durante o confinamento, mesmo en familias nas que o pai e a nai mantiveron o emprego (
https://nadaesgratis.es/admin/quien-se-encarga-de-las-tareas-domesticas). Só nas tarefas relacionadas coa compra houbo máis fogares nos que o principal responsable foi o home, un 38%, fronte a un 28% no que foi a muller e un 33% no que ditas tarefas repartíronse por igual. Os labores relacionados coa limpeza, a roupa, a comida e a educación dos/as menores seguiron sendo  fundamentalmente unha responsabilidade feminina. E todo isto ten un custo en termos de saúde para elas. Segundo os primeiros resultados dun traballo desenvolvido por Cristina  Benlloch,  Empar Augado e Anna Augado, parece que foron as mulleres con menores que  teletraballaron as que soportaron, en maior medida, a tensión do confinamento, sobre todo porque foron elas as que en maior medida realizaron o seguimento escolar dos/as nenos/as".


"O retroceso nos dereitos das mulleres é hoxe un perigo real"


A profesora explica tamén que o teletraballo utilizado como ferramenta para solucionar as necesidades de coidados, ante a falta de servizos públicos, ou as medidas de conciliación (que non de corresponsabilidade) para as “familias” (como por exemplo a proposta dunha prestación por coidados no fogar, que obviamente está pensada e deseñada para que as mulleres a collan, e que as condena á precariedade, á dependencia económica e, en moitos casos, á pobreza) son algúns exemplos de como as conquistas laborais e económicas alcanzadas polas mulleres están especialmente en cuestión en momentos de crises como a actual. "E a todo isto súmanse, obviamente, as perniciosas consecuencias que se poidan producir en termos de perda de emprego, e os sesgos de xénero xeralmente asociados a estes procesos" .

Os abusos sexuais a mulleres e nenas aumentaron durante o confinamento

O número de chamadas recibidas no teléfono de atención a vítimas de violencia de xénero no mes de abril de 2020 aumentou un 60% respecto ás recibidas durante o mesmo período do ano anterior, e tamén aumentaron as consultas telemáticas. "Dado que a convivencia é un factor de risco para estas mulleres, é de supoñer que o confinamento incluso imposibilitou a realización de moitas outras chamadas de axuda igualmente necesarias. Recentemente, a presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) prognosticou un incremento das denuncias por violencia machista na súa comparecencia na Comisión para a Reconstrución Social e Económica do Congreso. O Ministerio de Igualdade, tras a declaración do estado de alarma, impulsou un Plan de Continxencia contra a violencia de xénero que desenvolvía unha serie de medidas para axudar ás vítimas de violencia de xénero. Así, tanto o teléfono de atención a vítimas de violencia de xénero (016), como as consultas online, e o novo servizo de atención e apoio emocional e psicolóxica vía Whatsapp (atendido por psicólogas expertas en violencia de xénero) foron declarados servizos esenciais durante a crise sanitaria, funcionando con normalidade as 24 horas ao día, todos os días da semana. Ao longo do territorio tamén se puxo en marcha a campaña “Máscara 19”, en colaboración cos Colexios Oficiais de Farmacias, centrada en garantir que o persoal das mesmas puxese en marcha un protocolo de protección e atención a mulleres vítimas de violencias machistas cando estas solicitasen una “máscara 19” nos seus establecementos. Finalmente, e ante a previsión dun aumento nas denuncias, o CGPJ avanzou recentemente a aprobación dun Plan de Choque para fortalecer os xulgados en violencia de xénero, por exemplo coa creación dunha oficina de atención ás vítimas, ou con medidas de acompañamento das mulleres no proceso xudicial, entre outras".

"Medidas como a Renda Mínima Vital son un gran avance en termos de xustiza social"


A pesar de que as mulleres adoitan perder dereitos e ver empeoradas as súas condicións de vida en situacións de crise, a investigadora considera que hai motivos para a esperanza. "No goberno central existe un Ministerio de Igualdade, cuxa función prioritaria nestes momentos debería ser evitar estes procesos reaccionarios. Doutra banda, o movemento feminista está máis implantado que nunca na nosa sociedade e goza de boa saúde. Veremos como conseguimos saír desta crise. Medidas como a Renda Mínima Vital son un gran avance en termos de xustiza social, e tamén de igualdade de xénero"- afirma.  
 SUSCRÍBETE A ECOBAS