Noticias

Economía azul e crecemento: Oportunidades, condicionantes e importancia da investigación
08-06-2020

Economía azul e crecemento: Oportunidades, condicionantes e importancia da investigación

ERENEA é un Grupo de Investigación integrado en ECOBAS. As súas liñas de investigación preferentes sitúanse no ámbito da Economía dos Recursos Naturais e a Economía Ambiental, con especial atención ao ámbito mariño. No "Día Mundial dos Océanos" este grupo acércanos unha serie de reflexións sobre a Economía azul.

Importancia do mar na actividade económica

En documentos da Comisión Europea sobre Economía Azul (SEC/2006/689, COM (2012) 494 final) estimábase que o 25 % da poboación europea residía en rexións marítimas e que nelas se orixinaba o 40% do PIB europeo. Estimábase ademais que as actividades económicas dependentes do mar representaban 5.4 millóns de postos de traballo e o 75% do comercio exterior de Europa (o 37% do comercio interior da UE). 

Entre as actividades que teñen que ver directamente co marítimo (efectos arrastre aparte) percibimos inmediatamente as que se relacionan coa produción que ten por obxectivos recursos mariños, xa sexan vivos (pesca, acuicultura) ou non vivos (minerais ou recursos fósiles). Entre eles están os recursos enerxéticos de orixe mariño, que non se limitan a xacementos de petróleo ou gas natural, senón que inclúen as fontes eólicas, undimotrices, mareais ou xeotérmicas. Ademais, á extracción de recursos propiamente dita hai que engadir as actividades de transformación e distribución, que en boa medida se sitúan nas zonas costeiras. 

A esta produción de bens tipicamente mariña, hai que engadir as actividades de servizos: transporte (de mercancías e persoas), turismo e ocio (o clásico de sol e praia ou outros formatos con máis acento cultural ou deportivo), e outras actividades relacionadas coa defensa ou a seguridade marítima. Outra parte significativa das actividades refírese ó equipamento e as infraestruturas relacionadas con todo o anterior: os portos e a construción naval son as referencias principais que se sitúan nos espazos costeiros. 

Podemos completar esta visión panorámica coa consideración do capital humano e intelectual e das funcións ambientais relacionadas co mar. As actividades mencionadas requiren capacitacións e coñecementos específicos, como base de xeración de valor. Sen dúbida nos últimos decenios deuse un salto adiante, superando en boa medida as tradicionais dificultades que presenta un medio menos habitual para a actividade dos humanos. Dispoñer deste capital é un punto de partida esencial. 

Finalmente, temos que prestar atención ó mar como espazo reservorio da biodiversidade e equilibrios das variables ambientais que afectan ó planeta: o equilibrio ecosistémico e os efectos do cambio climático de orixe antropoxénico (desxeo, correntes mariñas, temperatura da auga, elevación do nivel do mar, fixación de CO2, etc.) teñen especial relevancia no medio mariño. O coñecemento destes efectos é aínda limitado (especialmente en perspectiva económica) e a preocupación polos mesmos é unha cuestión que se constatou sobre todo nos últimos decenios tanto a escala planetaria como polos impactos máis locais (contaminación, vertidos, etc.), ou non tan locais (caso de residuos non bio-degradables, como os plásticos).   

O mar na axenda europea
 

Na perspectiva do crecemento económico e a sustentabilidade, as cuestións mariñas e marítimas están entre os asuntos estratéxicos da axenda europea dos últimos quince anos, como se pode constatar en documentos clave como o Libro Verde de Política Marítima (COM, 2006, 275 final), a Directiva sobre estratexia mariña (Directiva, 2008, 56/ CE) ou a Comunicación da Comisión ó Parlamento sobre Crecemento Azul ou Blue Growth (COM, 2012, 494, final). 

Neste último documento, preséntase unha definición de Blue Growth na que se identifican e asocian actividades mariñas e marítimas con (presuntamente) gran potencial económico. Pero, simultaneamente, constátanse lagoas en coñecemento, xestión, financiamento, capital humano e comunicación. No mesmo documento selecciónanse 5 ámbitos prioritarios: enerxía azul, acuicultura, turismo marítimo costeiro e de cruceiros, recursos minerais mariños, biotecnoloxía azul. Ademais, recoñécense relacións con outras actividades ou espazos non mariños (especialmente no ámbito das infraestruturas) así como impactos mutuos. 

Detallando algúns aspectos, estimábase no citado documento que a electricidade producida dende fontes eólicas mariñas (133,3 Twh) representará en 2020 na UE un 26,9% de toda a xerada polo vento e abastecerá por si soa o 4% da demanda total de electricidade da UE. Outras tecnoloxías (mencionadas máis atrás) están aínda menos desenvolvidas, pero abren importantes posibilidades. 

A acuicultura, sen alcanzar os niveis doutros países non comunitarios e non europeos, rexistraba nos últimos anos un crecemento do 6,6% anual, aportando cada vez máis ó suministro alimentario de produtos de orixe mariño, engadindo así aportación á pesca , que, aínda que máis estancada, mantén niveis destacados de produción e, ó igual que en acuicultura, de emprego. 

O turismo nas costas europeas representa o 63% dos movementos turísticos dentro da UE. Ós destinos e formatos clásicos hai que engadir a senda crecente (e recuperada tras os anos de crise) en navegación de recreo e turismo de cruceiros. Si o turismo clásico dá emprego a 2,3 millóns de persoas na UE, este último sumaba xa máis de 150.000 empregos. Estes novos aspectos teñen ademais un efecto arrastre considerable. 

Para 2020, prevese que o 5% dos minerais empregados no mundo (incluíndo cobalto, cobre e zinc) proveñan do leito oceánico e a tendencia é crecente. Ó mesmo tempo, novas tecnoloxías permiten extraer minerais disoltos moi demandados, como o boro ou o litio. Europa dispón de buques especializados e de experiencia extractiva que lle pode permitir vantaxes comparativas iniciais en estas experiencias. Esta produción únese á mais coñecida de petróleo e gas natural. 

Convén mencionar ademais que novas tecnoloxías aplicadas a organismos vivos (tamén os diferentes a peixes ou crustáceos) permitiron novos aproveitamentos. Destacan ás aplicacións en medicamentos antivirais, contra o cancro e en outros produtos farmacéuticos, cosméticos, proteínas, biomateriais ou biocombustibles. A orixe pode ser diversa: dende os peixes ata algas, esponxas, ou organismos de profundidades (que crecen sen luz e soportan niveis extremos de temperatura e presión). As expectativas neste apartado son moi grandes, pero a incertidume é alta e os requirimentos iniciais de inversión tamén o son. É indudábel que o coñecemento científico abre neste terreo grandes oportunidades.   

Tres factores condicionantes para futuros desenvolvementos


Polo menos debemos deternos nestes tres factores: a) o coñecemento científico, incluíndo a valoración económica; b) a regulación das actividades e os sistemas de gobernanza no medio; c) o  contexto de globalización e competencia internacional. 

  • O coñecemento científico eno medio mariño

O éxito, o u polo menos o grado de protagonismo, que nunha empresa ou nun país pode alcanzar nesta carreira polo marítimo, depende en boa medida do avance científico e tecnolóxico, da excelencia ou calidade dos investigadores implicados, e da selección de programas de investigación e integración de equipos nos mesmos. Ó ser un sector menos coñecido, os avances terán sen dúbida efectos multiplicadores. 

En paralelo, trátase de coñecer mellor os aspectos sociais e económicos da actividade. Son aspectos a profundar: a definición rigorosa das magnitudes económicas (para obviar os problemas de heteroxeneidade, as duplicidades ou as dificultades das avaliacións de bens ambientais), a identificación e avaliación adecuada dos efectos arrastre en renda e emprego e dos impactos ambientais, a análise das relacións causa-efecto (máis alá de simples indicadores descritivos), a determinación de percepcións e estratexias dos axentes implicados (tanto dende o lado da oferta como da demanda). As opcións a elixir e a competitividade dependen delo. 


  • A regulación das actividades e a gobernanza 

Estamos falando de sistemas complexos, con moitos axentes e variables. Os desenvolvementos futuros van depender estreitamente da contorna económica e empresarial nestas actividades e da gobernanza e cooperación institucional no ámbito marítimo. 

En razón dos procesos históricos de cada país, os dereitos (públicos ou privados) e as regras de uso en relación ó espazo e os recursos mariños tiveron unha evolución diferenciada (por actividades e por países), especialmente significativa nas catro últimas décadas, no que é un proceso aínda incompleto. Na pesca e acuicultura, as situacións clásicas de libre acceso deron paso a regulacións internacionais (Zonas Exclusivas de 200 millas) e a escala local ou rexional (sistemas de licencias, cotas, etc.), que delimitan dereitos de acceso, uso, extracción, xestión e transferencia de dereitos. En transporte marítimo tamén se aprecian cambios significativos, como por exemplo no tratamento do risco e a seguridade marítima (coma no caso de responsabilidade por vertidos tóxicos), aínda que se aprecian diferencias por países. A elección de normas ten, por outra parte, consecuencias sobre as estratexias económicas de pescadores, acuicultores e transportistas, en particular en decisións de inversión, de uso sostible dos recursos ou de organización empresarial. 

Un problema adicional é que nos atopamos frecuentemente con dispersión de competencias reguladoras e con lagoas de definición. Por outra parte, tamén a combinación dos ámbitos público e privado require tratamentos específicos. Isto é especialmente evidente no transporte (onde se ten que protexer a seguridade) ou nos portos (onde a xestión de dominios públicos sometidos a moitos impactos ambientais ou sociais, debe compatibilizarse coa acción dos axentes privados operando nos tráficos marítimos). 

A definición de políticas marítimas debe considerar con coidado os aspectos institucionais. A descentralización de tarefas e a correcta definición dos espazos de competencia das administracións facilitarán a gobernanza, delimitando adicionalmente a responsabilidade das externalidades e dos impactos derivados. 

  • Axentes externos: globalización e competencia

A actividade marítima no é allea ós grandes movementos económicos internacionais (capitais e persoas).  O repaso de actividades permítenos ver como Asia gañou presencia,  non só porque taxas de crecemento económico e demográfico son máis acusadas en países asiáticos, senón tamén á vista de datos específicos de produción e comercio internacional. 

Isto é evidente na pesca e acuicultura (a través do seguimento dos datos da FAO, por exemplo). Pero tamén en aspectos como construción naval e transporte marítimo de mercancías. Dado que o comercio de produtos do mar estivo tradicionalmente máis liberalizado, tamén hai que contar con esta influencia. 

Con todo, en Europa e en xeral, o tráfico de mercancías por mar creceu máis que a media. O turismo tivo un empuxe importante. A enerxía de orixe mariño desenvolveuse amplamente no Norte de Europa. E aínda que pesca e acuicultura están máis estancadas en termos xerais, algúns aspectos (como a acuicultura de especies como o salmón) tiveron un crecemento significativo, que podería extenderse a novos produtos. Pero ademais, outros usos non alimentarios (relacionados con cosmética, saúde e idade, deporte, etc.) están recibindo un impulso crecente. 

Neste contexto, a dimensión empresarial e a competitividade son factores clave para esta competencia aberta e crecente. E dende logo, os condicionantes xeo-estratéxicos e a capacidade de regulación dos organismos internacionais serán elementos a ter en conta. Non somos alleos, dende logo, ás tendencias observadas a escala mundial neste sentido.   

A modo de conclusión: en que nos interesa fixarnos aquí e agora
 

  • Iniciativas públicas e privadas

O aproveitamento das oportunidades do mar require tanto iniciativa pública como privada. Completar e precisar as necesarias regulacións que favorezan a eficiencia e a sustentabilidade son obxectivos da acción pública. A influencia sobre as iniciativas científicas tamén se coloca especialmente neste lado. 

A iniciativa privada ten tamén tarefas pendentes neste contexto institucional, e as súas opcións de éxito estarán fortemente relacionadas no só coas oportunidades que poidan ofrecer os recursos marítimos (nos mercados) ou a vantaxe que poida supoñer a posición xeográfica, senón tamén co uso virtuoso que aporte o coñecemento científico e coa xestión económica eficiente en condicións de competencia e globalización. Pero en ambos aspectos hai moitas incertezas e o pasado recente arroxa luces e sombras. 

  • Valorar os resultados do pasado e do presente e desenvolver novas oportunidades

España (por exemplo) acumula resultados, coñecemento do medio e patrimonio cultural e histórico relacionado co mar. Os resultados teñen ademais un soporte en tecido empresarial, capital humano e efectos arrastre no conxunto da sociedade. Sen dúbida, todo isto é o que invita máis ó optimismo. Pero tamén se observa con preocupación o contexto xeral tan competitivo e a debilidade relacionada coa dimensión empresarial e outras carencias. 

Por outra parte, a búsqueda de oportunidades en aspectos de futuro (recordando a selección da iniciativa Blue Growth) require inversión e iniciativa, ou ben unha acción combinada público-privada con doses importantes de achega científica. 

  • Produción, distribución e redes

No contexto actual, unha das claves do éxito ou da fortaleza económica é o control da distribución e a intermediación, estendendo o ámbito da produción a outros aspectos. Xa sexa por iniciativa privada nesta dirección ou pola combinación de accións públicas e privadas, avanzar nesta dirección abriría novas perspectivas. En outro caso, aumentarían os riscos de dependencia das grandes cadeas de distribución ou de grupos inversores internacionais que están fixados xa nestas posibilidades. Por outra parte, as infraestruturas de apoio (portos, intermodalidade, equipamentos singulares) serán parte do futuro e das oportunidades nesta dirección.    
 SUSCRÍBETE A ECOBAS