26-05-2020
O Máster Interuniversitario en Economía estaba preparado para un confinamento
O
profesor da Universidade de Vigo Eduardo Giménez, membro do grupo RGEAF e de
ECOBAS e coordinador do Máster en Economía na UVigo, subliña a rápida
adaptación á situación por parte dos docentes do programa.
"O Covid-19 non
tivo ningunha incidencia nin na docencia nin nas probas finais do máster"
Durante
os últimos meses milleiros de estudantes tiveron que renunciar ás clases
presenciais por mor da pandemia mundial do Covid-19. Na maioría dos casos
continuouse coa docencia por diferentes métodos telemáticos, pero con numerosas
dificultades. Pola contra, o Máster Interuniversitario en Economía, que se
imparte conxuntamente na Universidade de Vigo, Santiago de Compostela e A
Coruña, apenas se viu afectado. O seu coordinador na Universidade de Vigo,
Eduardo Giménez, explica que ao tratarse dun programa que xa se viña realizando
de maneira online, puido seguir impartíndose con normalidade.
Un programa de
mestrado cunha metodoloxía acorde cos tempos
"O Máster pivota en dous elementos: O alumno ten dispoñible unha
plataforma docente onde os profesores colocan os materiais e probas de
avaliación. As dúbidas e preguntas quedan canalizadas a través de sesións de
titorías individuais, o foro da plataforma docente, e a través de e-mails aos
profesores. Doutra banda, as clases do máster emítense en directo a través da
plataforma de videoconferencia Emeeting, un desenvolvemento de Adobe Connect
realizado polo Campus do Mar da Universidade de Vigo. Ademais, ao gravar as
clases, os alumnos poden volver a visualizalas asincronamente. Tanto a emisión
das clases presenciais como o acceso á plataforma pode realizarse dende un PC,
unha tablet, ou mesmo dende o teléfono móbil".
Como indica o profesor Giménez, o programa de mestrado xa estaba
adaptado á metodoloxía online e non tivo problemas para seguir cursándose
durante a corentena. Todos os alumnos que dispoñían dos recursos necesarios e
contaban con boa conexión a internet poideron seguir o curso dende o
confinamento nos seus fogares.
Avaliación a través
da plataforma Faitic
Como
se vén realizando dende que se iniciou o Máster en Economía no curso 2018-19, a
avaliación continua dos alumnos tamén se leva a cabo de forma virtual
empregando a plataforma Faitic. A través desta ferramenta os alumnos poden
realizar as diferentes tarefas ou subir os seus traballos para ser avaliados. No caso das exposicións, sempre foron
telemáticas, polo que non houbo ningún cambio.
Antes do confinamento, algúns exames si que requirían a
presencialidade e, nestes casos, un profesor en cada universidade encargábase
de vixiar a proba. Este tipo de exames
si que foron substituídos por probas en aulas virtuais e os alumnos tiveron que
ter as cámaras dos seus ordenadores activas para poder realizar o exame.
A presentación dos
TFM tamén será virtual
As defensas dos TFMs tamén se viñan celebrando de xeito virtual con
anterioridade debido a que os tribunais están formados por membros das tres universidades e a defensa
telemática permite que ninguén se teña que desprazar. Ao tratarse dun máster
interuniversitario, nun dos itinerarios, participan profesores e alumnos das
tres universidades. Este sistema facilita a docencia e a perda de tempo en
desprazamentos innecesarios.
"Este ano
gustaríanos captar a alumnado estranxeiro"
O profesor destaca a posibilidade de desenvolver unha metodoloxía 100% online deste programa como unha vantaxe para poder
ser cursado por alumnos en todo o mundo. "Dadas as características
docentes do Máster (a plataforma Faitic, e o sistema de videoconferencia
Emeeting), temos a posibilidade de captar alumnos no estranxeiro. Unha vez que
un profesor da Universidade da Coruña imparte clases a un alumno que se atopa a
150 km, pode impartir clase a outro que se atopa a 5.000 km. As dúas
características do Máster permiten seguir os cursos independentemente da
localización do alumno no planeta. Isto posibilita que poidamos captar alumnos
en calquera parte do Globo".
Tamén destaca que esta modalidade non sufriría ningunha modificación
coa que se imparte na actualidade, só que debido á diferencia horaria as clases
seguiríanse asincronamente.
Contar con
patrocinadores permitiría aumentar o número de alumnos
Na opinión do profesor Giménez, na actualidade o máster non conta con
moitos alumnos dentro de Galicia debido, en grande medida, a que non se conta
con financiamento para eles, o que dificulta atraer bos expediente académicos.
"A miña impresión é que de teren financiamento, habería maior demanda de
alumnos. Por exemplo, sería o caso que existisen patrocinadores que
subvencionaran a alumnos excelentes a cambio de que realizaran as prácticas
curriculares nas súas empresas".
"
A experiencia online
serviu aos profesores á hora de impartir as clases online en outros programas
durante o confinamento
A maioría dos profesores do máster xa tiñan coñecementos na
metodoloxía virtual e coñecían as ferramentas, polo que puideron adaptar a
docencia online ao resto das clases que impartían sen problema. Isto foi unha
vantaxe para eles, xa que durante a corentena moitos docentes tiveron que
enfrontarse a novos sistemas que descoñecían totalmente, e dedicar moitas horas
de traballo. A pesar da experiencia, o profesor Giménez subliña que a situación tamén lles serviu aos profesores do Máster para
tomar conciencia das necesarias melloras na súa docencia online. "Os
profesores exploraron novos xeitos de avaliar aos alumnos e de sacarlle máis
partido ao sistema de videoconferencia, reinventaron as súas metodoloxías para
ser máis eficaces e eficientes. O máis positivo que puidemos sacar desta crise
foi decatarnos de que a Comisión Académica do Máster non se equivocou á hora de
apostar pola docencia online, o que constitúe unha das características
fundamentais do programa. Todos os profesores estivemos moito máis preparados
para adaptarnos a esta situación de confinamento. Eu non atopo nada negativo
desta situación: nin sequera temos máis carga administrativa da que tivemos o
curso pasado!"