Noticias

Investigar en tempos de coronavirus
18-05-2020

Investigar en tempos de coronavirus

Carlos Hervés, catedrático da Universidade de Vigo e coordinador da Agrupación Estratéxica ECOBAS, analiza as consecuencias da crise provocada polo Covid-19 no ámbito da investigación universitaria nas áreas de economía. 

O 90% dos proxectos nos que traballan os membros de ECOBAS non se verán afectados pola crise


A diferencia do que ocorre noutros campos científicos, o director da Agrupación destaca que a maior parte da investigación levada a cabo en ECOBAS non precisa de grandes infraestructuras ou materiais específicos. En xeral, os investigadores poden realizar o seu traballo dende outro lugar que non sexa a Universidade, xa que a maioría só precisan referencias bibliográficas, medios informáticos e datos económico-empresariais aos que se pode acceder a través da rede, sen necesidade de traballar dende a universidade. Poden existir, non obstante, proxectos illados que centran o seu estudo en temáticas moi concretas coma o consumo que requiren dunha parte empírica (enquisas ou entrevistas), que no caso de non terse realizado antes do confinamento poderían retrasar a investigación. "Esencialmente a pandemia non afectaría á continuidade dos proxectos a non ser que estean pendentes dalgunha fase previa á execución, e incluso nestes casos podería chegar a facerse de forma online", explica o catedrático.

A actividade académica de posgrao tampouco se ten visto interrompida


Os programas de mestrado e doutoramento impulsados por ECOBAS tampouco sufriron cambios drásticos pola pandemia. No caso do Máster en Economía, as clases xa se viñan impartindo online, ao tratarse dun programa interuniversitario que comparten as Universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña. A situación actual unicamente afecta ós exames, que aínda que xa eran telemáticos, contaban coa supervisión dun profesor en cada centro. "Isto non vai poder levarse a cabo neste cuadrimestre, pero cada unha das tres universidades conta con protocolos para realizar as avaliacións online, así que a incidencia do Covid-19 neste sentido é mínima".

Os estudantes do Programa de Doutoramento Interuniversitario en Análise Económica e Estratexia Empresarial tamén están a continuar a súa actividade dende o confinamento. "A maior parte do traballo do doutoramento é individual, e só o alumnado subvencionado por contratos predoutorais da Universidade de Vigo, Xunta de Galicia ou do Ministerio tiña a obriga de realizar a súa investigación na facultade. Estes alumnos pasaron a traballar dende a súa casa, pero salvo casos excepcionais, o confinamento non supón ningún cambio esencial." O programa de doutoramento ofrece tres cursos presenciais dos que os dous primeiros xa se tiñan impartido no primeiro semestre, e no caso do terceiro, que coincidiu coa entrada en vigor do estado de alarma, estase a impartir de forma remota.

Un aspecto relevante é que os trámites relativos á presentación das teses quedaron aprazados. Algúns alumnos tiñan depositado a súa tese de forma física antes da crise, pero ao declararse o estado de alarma, todos os trámites e prazos quedaron suspendidos. “Cando a situación se normalice poderá completarse o trámite dos dez días de exposición pública e decidirase se as teses se defenden de forma presencial ou telemática”, explica o profesor Hervés, coordinador do programa de doutoramento e director dalgunha das teses en proceso.

As estadías no estranxeiro si que se verán afectadas pola pandemia, pero non os contratos predoutorais

Os alumnos de doutoramento que tiñan planeada unha estadía de investigación no estranxeiro nestes meses, (requisito para que a tese teña mención internacional), non van poder realizala polo momento. A parte positiva é que os prazos administrativos non corren, e os investigadores poden empregar o tempo para progresar coa súa tese e mellorar o seu currículo sen preocuparse polos recursos, xa que os contratos predoutorais se estenderon automaticamente. Cando a situación se normalice e se retomen os prazos administrativos poderán realizar a súa estadía contando coa financiación correspondente.

"En contra do que se poida pensar, a actividade docente en tempos do Covid esixe moito máis tempo"


O director da Agrupación destaca que os membros de ECOBAS teñen que compatibilizar a súa actividade investigadora coa docente. O profesor Hervés salienta como punto positivo desta situación que se avanzou anos na dixitalización dos procesos: "Todos melloramos as nosas habilidades de comunicación online e aprendemos a manexar novas ferramentas docentes que van ser moi útiles no futuro." O catedrático destaca a rápida capacidade de adaptación da Universidade de Vigo e a boa aceptación do alumnado, e recoñece que se trata dun cambio de modelo necesario e que podería tardar anos en instaurarse de non ser pola pandemia.

“Entre os aspectos negativos da crise destaca a supresión de reunións científicas, seminarios e congresos internacionais”


O persoal investigador de ECOBAS non verá afectados os seus proxectos e investigacións. Nembargantes, temos que lamentar a supresión das visitas de investigadores, dos seminarios que estaban previstos nestas datas e do aprazamento para o próximo ano de congresos internacionais organizados coa colaboración directa de ECOBAS. En concreto, foron adiados o 9th Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics, previsto para o mes de xuño na Illa de A Toxa, que se celebrará no 2021; o XXV Workshop on Dynamical Macroeconomics previsto para os primeiros días de xullo no Castelo de Soutomaior, que tamén quedou suspendido ata o vindeiro ano; e a 20th Biennial Conference of the International Institute of Fisheries Economics and Trade (IIFET) que tería que celebrarse a finais de xuño e ten sido adiada ata finais de agosto.

Finalmente, Carlos Hervés subliña que a pandemia do Covid-19 terá algúns puntos positivos para toda a sociedade, xa que está a servir para poñer de relevancia o que é realmente importante. Tamén servirá para facer fronte a problemas sociais latentes dende facía tempo. A partir de agora as cousas van ser diferentes pero non por iso teñen que ser necesariamente peores. Dende a perspectiva universitaria, cando se retomen as clases vivirase unha nova normalidade. "Seguramente se alternen as clases online coas clases presenciais. Neste confinamento aprendemos a manexar ferramentas que permiten instaurar un novo modelo conducente a facilitar unha mellora nas nosas habilidades docentes".
 SUSCRÍBETE A ECOBAS