Noticias

A sexta edición do Pont Up Store abre o prazo de presentación de candidaturas
31-05-2019

A sexta edición do Pont Up Store abre o prazo de presentación de candidaturas

Do 19 ó 21 de setembro celebrarase na cidade de Pontevedra unha nova edición do Pont Up Store. O prazo de presentación de candidaturas para participar no que xa se considera o encontro de emprendemento máis importante de Galicia estará aberto ata o día 7 de xullo.

Ó igual que en anteriores edicións, os proxectos de emprendemento poderán presentar a súa solicitude para unha ou varias das tres modalidades de participación existentes: dispor dun dos 33 stands gratuitos; organizar actividades demostrativas dentro do programa; ou participar no Puntazo Exprés, no que os/as participantes terán a oportunidade de explicar a súa proposta a representantes de importantes empresas galegas, que nesta ocasión serán EDISA, Hifas da Terra, Roi Scroll e Casa Grande de Xanceda.

Nesta sexta edición, que se desenvolverá baixo o lema “O impulso da xente valente”, haberá, entre outras novidades, un espazo emprendemento sénior, dedicado a proxectos liderados por persoas que, aínda que xa teñen finalizado o seu ciclo laboral, se manteñen activos e poñen en marcha novos retos. Ademais, a industria dos videoxogos, que xa tivo unha importante presenza na pasada edición, cobrará un maior protagonismo, con máis exposicións, obradoiros, charlas, etc., e coa presentación do evento Hobbypont 2019 by Hobbycon.

No Espazo de Economía Social e Creativa organizaranse, no marco do proxecto INTERREG VA-LACES, diversas actividades coma unha cata de ideas, un mural de co-creación baseado nunha economía con valores sociais e responsables ou unha xuntanza de empresas culturais e creativas que traballan desde fórmulas de emprendemento social. Ademais, celebraranse un ano mais os encontros anuais de distintas entidades do ecosistema emprendedor como Espazocoop, A Redeira, AJE Galicia ou Mulleres Atlánticas.
 SUSCRÍBETE A ECOBAS