Noticias

ECOBAS participa nunha xornada organizada por Campus do Mar no marco do ‘III International Forum MSP IOC-UNESCO’
14-05-2019

ECOBAS participa nunha xornada organizada por Campus do Mar no marco do ‘III International Forum MSP IOC-UNESCO’

Esta semana estase a celebrar en Vigo a terceira edición do International Forum for Maritime Spatial Planning (MSPforum), organizado pola Intergovernmental Oceanographic Commission da UNESCO, que reúne ó redor de 100 representantes das autoridades públicas relacionadas coa planificación mariña. O obxectivo é intercambiar ideas e boas prácticas en materia de conservación dos océanos, e do uso sostible dos recursos.

Ao abeiro deste evento, tivo lugar na mañá de hoxe un encontro organizado por Campus do Mar, no que se contou coa participación dalgúns dos expertos que asisten ó foro, pertencentes a diferentes institucións internacionais. Na xornada tiveron ocasión de coñecer algúns dos traballos que se están a realizar tanto en Campus do Mar coma en ECOBAS, relacionados coa planificación no ámbito mariño e marítimo.

Por parte de Campus do Mar, o seu director, Daniel Rey, ofreceu unha visión xeral sobre esta organización, e Elena Ojea, investigadora principal do grupo Future Oceans Lab, presentou os proxectos que están a levar a cabo no seu laboratorio, entre os que destaca o proxecto CLOCK, financiado cunha Starting Grant do ERC. Por parte de ECOBAS, a investigadora Raquel Fernández, do grupo ERENEA, compartiu cos asistentes algúns dos traballos que se están a desenvolver, vinculados á xestión e planificación no ámbito mariño, e Pol Fontanet, do grupo 
REDE, encargado de pechar o encontro, presentou o proxecto MarRisk, financiado na última convocatoria das axudas Interreg POCTEP, no que participan xunto con outras organizacións galegas e portuguesas, coma a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, o CSIC, a Agência Portuguesa do Ambiente ou a Universidade de Minho, entre outras.