Noticias

O Programa Formativo en Xestión Estratéxica e Operativa de Centros e Unidades de Investigación de Excelencia chega á súa fin
15-03-2019

O Programa Formativo en Xestión Estratéxica e Operativa de Centros e Unidades de Investigación de Excelencia chega á súa fin

Esta mañá tivo lugar na sede de FEUGA en Santiago de Compostela o acto de clausura do Programa Formativo en Xestión Estratéxica (GESCI) e Operativa (GOSCI) de Centros e Unidades de Investigación de Excelencia, organizado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, en colaboración con FEUGA. Este evento puxo o punto final ás actividades presenciais deste proxecto, que se ven desenvolvendo dende o mes de setembro, e no que participaron os/as directores/as e xestores/as de a distintos centros e unidades galegas de investigación, entre eles o Coordinador de ECOBAS, Carlos Hervés, e a xestora da Agrupación.

A apertura do acto correu a cargo de Julio E. Abalde, Reitor da Universidade da Coruña e presidente de FEUGA, quen deu paso a Lluis Rovira, Coordinador Académico do programa e director do CERCA de Cataluña, e Dolores Pérez, directora adxunta do CIQUS-USC e alumna da modalidade GESCI. Ambos realizaron un balance do programa, cadaquén dende a súa perspectiva, pero coincidindo no éxito acadado nesta primeira edición do programa e na importancia deste tipo de iniciativas.

Tras esta valoración, os asistentes tiveron ocasión de desfrutar da presentación de Fernando P. Cossío, director de Ikerbasque, quen explicou o nacemento, desenvolvemento e modo de xestión desta institución dende a súa creación ata agora.

O acto rematou coas palabras da Conselleira de Educación, Universidades e Formación Profesional, Carmen Pomar, quen quixo sinalar a importancia desta actividade, pioneira en España, e animou ós/ás participantes a poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante estes meses coa fin de levar ós centros e unidades de investigación galegos á máxima excelencia.