Noticias

Celébrase o acto inaugural do ‘Programa formativo en Xestión Estratéxica e Operativa de centros e unidades de investigación de excelencia’
27-10-2018

Celébrase o acto inaugural do ‘Programa formativo en Xestión Estratéxica e Operativa de centros e unidades de investigación de excelencia’

Onte tivo lugar na sede de Feuga en Santiago de Compostela a xornada de presentación deste programa formativo organizado pola Xunta de Galicia, en colaboración con Feuga. O acto foi presidido por Carmen Pumar, Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, xunto con Javier Pereiro, director de Feuga, e Lluís Rovira i Pato, director de I-CERCA e coordinador académico do programa.

A actividade iniciouse o pasado mes de setembro e durará ata marzo, e conta con dúas modalidades de formación: o curso GESCI, dirixido ós directores das organizacións; e o curso GOSCI, dirixido ós xestores das mesmas. As sesións teñen lugar as fins de semana en Santiago de Compostela, e nela participan os/as coordinadores/as e xestores/as das entidades de investigación máis relevantes de Galicia, coma centros singulares, agrupacións estratéxicas (entre elas ECOBAS), fundacións biomédicas, as tres universidades galegas e outros centros de investigación de prestixio.

A iniciativa, que é pioneira en España e conta cun panel docente formado por profesionais nacionais e internacionais referentes nas súas áreas de especialidade, ten o obxectivo de promover a mellora continua, a excelencia e o liderado internacional dos centros e unidades de investigación galegos. “O noso ambicioso obxectivo é que os centros universitarios galegos obteñan maiores cotas de financiamento, que capten e reteñan máis talento investigador e que poidan transferir as tecnoloxías e coñecementos que desenvolvan as administracións e empresas do país”, sinalaba a Conselleira.

O peche do acto correspondeulle ó investigador Rubén Nogueiras, investigador do CIMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas), que acaba de recibir unha axuda do ERC (European Research Council) enmarcada no prestixioso programa Synergy Grants, converténdose no primeiro galego en acadar unha destas axudas.