Noticias

Comeza o novo Máster en Economía, organizado polas Universidades de Vigo, Santiago e A Coruña
22-05-2018

Comeza o novo Máster en Economía, organizado polas Universidades de Vigo, Santiago e A Coruña

O vindeiro curso 2018/19 dará comezo o Máster en Economía, unha nova titulación interuniversitaria organizada polas tres universidades galegas, que conta co apoio de ECOBAS.

Este novo programa formativo ten coma obxectivo formar profesionais altamente capacitados nas disciplinas de economía e empresa, xa sexa para a súa inmersión na vida laboral ou para a súa incorporación a un programa de doutoramento. Está dirixido a aquel alumnado creativo, dinámico e con interese pola investigación, provinte non só dos graos en economía e administración de empresas, senón tamén doutras titulacións coma enxeñarías, matemáticas ou estatística. Ademais das materias obrigatorias, as prácticas en empresa e o traballo fin de máster (TFM), esta titulación conta cunha serie de materias optativas, enmarcadas en catro posibles itinerarios: 1) Políticas públicas e análise económica rexional, impartido na UDC; 2) Economía e sociedade, impartido na Uvigo; 3) Economía e finanzas, impartido na USC; e 4) Análise económica, impartido nas tres universidades, e especialmente recomendado para aquelas persoas que desexen cursar estudos de doutoramento. As clases comezarán en setembro e terán carácter semipresencial, impartíndose cada materia na facultade de economía e empresa dalgunha das tres universidades, con retransmisión remota por videoconferencia nas outras dúas.

O prazo de preinscrición  abrirá o 1 de xuño na USC, o 22 de xuño na Uvigo e o 24 de xuño na UDC.

Pódese consultar toda a información relativa a este novo mestrado accedendo á súa páxina web: www.mastereconomia.gal.  

DOCUMENTACIÓN ASOCIADA:

MESTRADO EN ECONOMIA_diptico.pdf