Noticias

Especialistas italianos e españois reúnense en Vigo para analizar o sector da industria automobilística durante o X Congreso España-Italia de Historia Económica
23-10-2017

Especialistas italianos e españois reúnense en Vigo para analizar o sector da industria automobilística durante o X Congreso España-Italia de Historia Económica

Os pasados días 20 e 21 de outubro celebrouse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a décima edición do Congreso España-Italia de Historia Económica, un encontro organizado bianualmente en diferentes cidades de ambos países, e que nesta ocasión fixo a súa parada  en Vigo, baixo a coordinación do profesor do grupo ECOSOT Rafael Vallejo, e a profesora Margarita Villar, da Universidade da Coruña. O tema elixido como fío condutor desta edición foi a industria automobilística, un sector altamente representativo da cidade e cunha enorme importancia na economía galega, nacional e mundial.  

O acto inaugural contou coa participación do Alcalde de Vigo, Abel Caballero; o decano da Facultade, Santiago Gómez; o coordinador xeral do congreso, Giovanni Luigi Fontana; o director de comunicación do grupo PSA en Vigo, Pedro Hortas; e o coordinador de ECOBAS (entidade patrocinadora e colaboradora), Carlos Hervés. Durante os dous días que durou a cita os diferentes especialistas afondaron en diversos temas relacionados coa industria do automóbil, como as políticas industriais ou as particularidades e a historia de empresas tan emblemáticas coma Seat, Fiat ou Volkswagen.