16-03-2021
Conversas, unha iniciativa para achegar a ciencia á sociedade
Conversas é un ciclo de conferencias de divulgación
promovido polo proxecto “meta.” da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo
do Campus de Ourense (FCETOU). Nestes faladoiros investigadoras e investigadores
comparten escenario con profesionais, directivos, empresarios/as, emprendedores
e outros axentes sociais. Os temas das conversas son de interese xeral,
tratando temas de actualidade relacionados co mundo da empresa e a súa relación
coa sociedade e o medio ambiente. O obxectivo principal desta iniciativa é
divulgar, promover o debate e a crítica de novos coñecementos, ideas e opinión
a amplos colectivos sociais.
Hoxe falamos con Ernesto López-Valeiras, profesor da FCETOU e coordinador
de “meta.”, e Xurxo Baca, deseñador e mentor en “meta.”, un proxecto de
mentoring que pon en contacto a directivas e directivos cunha traxectoria
profesional relevante con estudantes de últimos cursos co obxectivo de que os apoien
e lles dean consello para un adecuado desenvolvemento profesional e persoal. Ademais,
busca transmitir valores de sustentabilidade, solidariedade e ética nos
negocios.
Meta é o proceso
de aprendizaxe persoal no que un mentor comparte
o seu tempo e
coñecementos para que un mentorizado descubra novas
perspectivas que
lle axuden a progresar cara ás metas futuras.
Meta non é un fin.
É un camiño.
Este ano, que é o segundo que se celebra, participan 7 mentores e 8
mentorizados. Entre as actividades grupais que realizan atópase o ciclo Conversas.
"Conversas é unha aposta que nace das
ganas de aprendermos das experiencias"
"O ciclo de Conversas nace
no seo do proxecto ”meta.” da FCETOU. Como parte dos valores, queremos promover
a importancia de explorar territorios que descoñecemos, por iso cremos
cegamente no valor de escoitar. Conversas
é unha aposta que nace das ganas de aprendermos das experiencias vividas, das
decisións tomadas, das decisión que non se tomaron, dos acertos que foron
erros, dos erros que foron acertos, e doutros tantos azares que ao longo da
vida definen aquilo no que nos convertemos", reflexiona o deseñador Xurxo
Baca.
Como se
estruturan as conversas?
"Eu son o coordinador académico desta actividade, e xunto con Xurxo
Baca, coordinador profesional, deseñamos o formato xeral. Cada Conversa é
organizada por un mentor e o seu mentorizado. Eles propoñen un poñente invitado
e un profesor-investigador e organizan a Conversa: data, contido, formato, etc.
O mentor e o profesor/a-investigador/a acompañan ao poñente na Conversa. Esta
combinación de distintos perfís favorece o debate e a reflexión, así como o
acercamento da investigación á sociedade".
"Tratamos de que participen persoas que teñan cousas interesantes que
contar. Escoitarnos a través do relato alleo permítenos imaxinar outras
realidades, e axúdanos a camiñar cara a un mundo mellor. Xurxo, ó igual que
cada mentor, aporta una visión allea á do mundo educativo, e isto é o que nos
enriquece como profesionais e como persoas. Ao ser deseñador son moi
interesantes os procesos que leva a cabo para encontrar solucións a diferentes
problemas. Creo que todo está moi conectado, máis do que poidamos pensar",
comenta o profesor Ernesto López-Valeiras.
Esta actividade nace con vocación de permanencia. Polo momento, teñen
previsto realizar Conversas de forma periódica,
cunha frecuencia bimensual. O formato prioritario é o presencial, pero tamén se
retransmiten de forma telemática a través do Campus Remoto da Universidade de
Vigo.
Primeiras
sensacións
"A acollida das Conversas
superou as nosas expectativas. Por sorte, puidemos facer algunhas presenciais,
e cubríronse as prazas dispoñibles, limitadas polo protocolo COVID. A
retransmisión a través do Campus Remoto permitiu que chegase a un grande número
de persoas", sinala Ernesto.
A divulgación científica é un dos grandes temas pendentes dos
investigadores. O formato das Conversas, combinando as perspectivas académicas
e profesionais, pode facilitar a chegada da mensaxe á sociedade. Polo momento
esta iniciativa conta coa colaboración do Campus de Ourense, a Asociación
Iberoamericana de Control de Xestión e de ECOBAS, pero en datas próximas incorporaranse
outros patrocinadores que colaboren coa organización destas actividades.