24-02-2021
O investigador de ECOBAS Fernando Bruna participa nun proxecto seleccionado pola Fundación La Caixa para reducir a desigualdade
Este proxecto foi seleccionado, xunto con outras nove
propostas, nunha convocatoria do Observatorio Social de ”la Caixa” que, baixo o
nome Un nuevo pacto social para reducir la desigualdad, ten como
obxectivo apoiar proxectos de investigación sobre Desigualdade e Pacto Social
en España.
A proposta presentada, titulada Intergenerational
social mobility and territory in Spain, foi levada a cabo por un equipo dirixido polo profesor Fernando
Bruna, investigador no grupo C+D da Universidade da Coruña e membro de ECOBAS. O
seu proxecto céntrase en identificar as características da persistencia do
status socioeconómico de pais a fillos, con especial atención aos aspectos
territoriais. Usando catro fontes estatísticas distintas, os autores estudan
aspectos de ocupación, educación e renda, para o conxunto de España, por
Comunidades Autónomas e por municipios, así como a relación destes indicadores
con outros indicadores de cada territorio.
O proxecto dos profesores do Departamento de Economía da
Universidade da Coruña responde ao carácter multidisciplinar que inspira o
enfoque da Fundación La Caixa. Fernando Bruna, doutor e
licenciado en Economía, graduado en Socioloxía e en Ciencias Políticas, e
membro do Grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento Rexional (C+D) e de
ECOBAS, é o investigador principal do proxecto. No equipo participa tamén outra
investigadora do grupo e da Agrupación, María
Alló, doutora e economista medioambiental. Por parte do Grupo Organizacións
Sociais, Institucións e Mercados (OSIM), son membros do equipo de traballo os
doutores e socioeconomistas Paolo Rungo e Juan Martín
Legendre.
Esta
convocatoria, dotada cun total máximo de 100.000 euros, busca incentivar o
coñecemento en ciencias sociais apoiando investigacións orixinais que permitan
avanzar cara un novo pacto social para reducir a desigualdade en España. A súa
finalidade principal é apoiar proxectos de investigación cuantitativa que, nun prazo
máximo de 6 meses, poidan realizar todo o traxecto dende as hipóteses ata as
conclusións, e presentar os resultados da investigación nun informe de divulgación
publicable polo Observatorio Social de ”la Caixa”.
Ademais das 10 propostas seleccionadas súmanselle outras
11 que a Fundación encargou directamente sobre temas específicos, de xeito que
o proxecto conxunto estará formado por 21 informes, que serán presentados
no Foro Social que terá lugar en Barcelona en outono do 2021.
O coordinador técnico do proxecto global sobre desigualdade é o profesor Luis
Ayala, catedrático de Economía na Universidad Rey Juan Carlos.
Este venres 26 de febreiro terá lugar un encontro entre
os equipos dos 10 subproxectos seleccionados na convocatoria competitiva, para
poñer en común os primeiros resultados.