02-02-2021
Mario Pansera chega a ECOBAS para desenvolver unha axenda de investigación orixinal e alternativa
O investigador Mario
Pansera incorpórase á Agrupación Estratéxica esta semana para levar a cabo a
súa investigación na Universidade de Vigo durante cinco anos. Pansera conseguiu
recentemente unha axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación
(ERC).
Existen moitas probabilidades de que a súa estancia se
alongue
Ata o momento, Pansera estivo
traballando como lector cun contrato Serra Hunter na Universidade Autónoma de
Barcelona, e non vai deixar completamente a súa función. “Estamos en trámites
para que se firme un convenio entre as dúas universidades para que poda seguir
colaborando coa UAB como investigador vinculado. A miña investigación na UAB foi
unha continuación do traballo feito en Bristol e durante o ano pasado conseguín
publicar o meu traballo sobre innovación responsable na revista Research Policy,
e a miña investigación sobre post-crecemento na revista Organization. A verdade
é que a UAB ten moitos recursos e moita xente moi interesante, pero case seguro
que quedarei en Galicia despois do proxecto ERC. Entre outras cousas porque o acordo
coa UVigo inclúe unha praza de titular”, aclara o doutor.
Ideas novas e frescas
Mario Pansera considera
que a UVigo segue sendo bastante tradicional no que concirne á ensinanza de
materias como economía e organización de empresas. Sen embargo, nos últimos
meses atopou moitos investigadores, sobre todo xente nova, con ganas de
explorar novos camiños, novas ideas. “Xa colaboro activamente co grupo REDE e co
grupo GEN, aínda que habería que dicir que quizás o grupo que máis se acerca ó tipo
de investigación que levo a cabo é o grupo de Economía Ecolóxica (GIIEAH) con
quen me gustaría colaborar no futuro. Ademais, tamén teño moi bos contactos coa
Agrupación CRETUS, na Universidade de Santiago de Compostela, e colaboro co
campus de sustentabilidade da Universidade da Coruña onde a excelente Adina
Dumitru está facendo un traballo espectacular”, puntúa o investigador.
Nos próximos meses publicaranse diferentes convocatorias
para contratar un Project manager, catro doutorandos e dous posdocs
Dentro do proxecto, que
se iniciou oficialmente o 1 de febreiro, traballarase en diferentes liñas de
investigación. “Probablemente haberá un par de estudantes de
doutoramento que se encarguen de analizar os aspectos máis micro de
organizacións post-crecemento: as súas características, os obstáculos que atopan
e as políticas que poden axudalas a sobrevivir. Outra liña de investigación ocuparase
de redes e cadeas de abastecemento de organizacións alternativas. Por último, estudarase
o papel das institucións científicas (universidades, centros de investigación,
etc.) na reprodución do discurso e da ideoloxía do crecemento. A ambición é
desenvolver un discurso alternativo que sexa capaz de desintoxicar, por así dicilo,
ás institucións científicas desta obsesión co crecemento infinito”, aclara o
doutor Pansera.
Pansera acaba de conseguir un proxecto H2020 de 3.6M de
euros
“É un proxecto sobre
economía circular que vou coordinar dende a UVigo. O proxecto titulase “A just
transition to Circular Economy (JUST2CE)” e involucra 13 beneficiarios, entre os
que se atopan universidades europeas e africanas. O estudo ten como obxectivo
desenvolver un marco conceptual alternativo á formulación actual da Economía
Circular como a expón a UE. Actualmente, a CE parece máis un sofisticado
mecanismo do Green Washing. Cambiar a
linguaxe, as maneiras de chamar ás cousas sen cambiar o modelo destrutor e insostible
que impón a economía do mercado capitalista. O que queremos demostrar no proxecto
é que para que unha economía sexa sostible ten que ser antes de todo xusta. A
ironía é que un proxecto tan crítico coa formulación da UE sexa financiado
xustamente pola mesma institución. O proxecto inclúe traballo de investigación
en moitos países. ¡Todo un reto na situación actual!”, afirma o doutor Pansera.
“A tecnoloxía ten o poder de cambiar as relación sociais”
A maioría dos traballos do profesor Pansera tratan
o tema da democratización da innovación. Ademais, traballa como editor da
revista Journal of Responsible Innovation
liderada por Erik Fisher da Arizona State
University, institución coa que colabora dende o 2015. “Eu son enxeñeiro de
teleco e sempre me interesou a relación entre a tecnoloxía e a sociedade. Sen
embargo, creo que o momento que me levou a profundar neste campo foi cando
traballei en Bolivia. Estiven case dous anos intentando convencer a indíxenas
Quechuas e Aymaras a instalar paneis fotovoltaicos nas súas comunidades. O proxecto
non foi un fracaso total, pero tampouco revolucionou a vida desta xente. En
moitos casos, ademais, a tecnoloxía quedaba abandonada porque a xente tiña
outras prioridades. Esta experiencia fíxome pensar moito sobre o rol da
tecnoloxía como ferramenta política. Nós, sobre todo os científicos e
enxeñeiros, pensamos que a tecnoloxía é neutral, apolítica, obxectiva. Pero non
é así. A tecnoloxía ten o poder de cambiar as relación sociais en positivo,
pero tamén ten consecuencias moi negativas, incluso pode substituír maneiras de
vivir sostibles con novas formas de organizacións sociais destrutivas e inxustas.
Un exemplo son os primeiros algoritmos de intelixencia artificial de
recoñecemento facial do coche sen condutor de Google, que non eran capaces de
recoñecer a persoas negras. Houbo varios accidentes nos primeiros test. ¡Isto
sucedeu porque os que desenvolveron a tecnoloxía eran todos brancos e non se
lles ocorreu adestrar ós algoritmos con fotos de xente non-branca! As tecnoloxías
conteñen nos seus deseños os valores e as visións do mundo dos seus creadores.
Isto non se ensina nas escolas de enxeñería e é un problema. Estamos creando
xeracións de técnicos e enxeñeiros que non están preparados para enfrontarse ós
dilemas éticos que presentan moitas das tecnoloxías modernas”.
“O meu obxectivo
é crear un grupo de persoas abertas e creativas. Polo menos espero ter un
mínimo de impacto no panorama galego e que se comece a falar destes temas. O
que si me gustaría de verdade sería que ó final do proxecto, en cinco anos, haxa
unha materia obrigatoria en todos os cursos de tecnoloxía, ciencia e enxeñería
sobre ética da ciencia e tecnoloxía e innovación responsable. Non hai ningunha
universidade española que teña feito algo así. ¡Sei que é u tarefa difícil,
pero hai que intentalo!”, conclúe o doutor Pansera.