18-01-2021
A investigadora Estefanía Mourelle, membro de ECOBAS, recibe un premio internacional
A editorial
Emerald acaba de outorgar un dos seus premios Emerald Literati Award á Doutora en Economía Estefanía Mourelle,
integrante do grupo de investigación C+D Group (Competitividade e Desenvolvemento
Rexional na Unión Europea) da Universidade da Coruña, e membro de ECOBAS.
O artigo premiado recibiu a mención de
“Highly Commended Paper”
Estes premios concédense
dende fai vinte e cinco anos coa fin de recoñecer contribucións destacadas
feitas por investigadores e investigadoras, ben como autores de traballos (en
revistas científicas, libros e outros formatos que supoñan un fomento do
coñecemento), ben como revisores. Neste sentido cómpre sinalar que existen diversas
categorías de premios. Neste caso, o premio concedeuse pola autoría dun
traballo de investigación que recibiu a mención de “Highly Commended Paper”.
Isto significa que o artigo de Mourelle, titulado “Education and economic growth:
an empirical analysis of nonlinearities” considérase unha das publicacións máis
destacadas de 2019 dentro deste grupo editorial.
Premios sen convocatoria
Para estes
premios non existe unha convocatoria “ao efecto” á que o persoal investigador poda enviar as súas candidaturas. Son os editores das revistas os que fan a elección
dos artigos entre os publicados durante cada ano natural en revistas e libros do
grupo editorial Emerald. O artigo da investigadora de ECOBAS fora publicado nunha
revista indexada no Journal Citation Reports (JCR) do Social Science Citation
Index e integrada no Grupo Emerald.
Ademais do prestixio
e da visibilidade que outorga este galardón, o grupo Emerald ofrece moitas vías
para difundir o recoñecemento como un Facebook ao efecto, ou o uso dun logotipo
acreditativo.
Educación e crecemento económico
O artigo
seleccionado trata de evidenciar se existe unha relación entre o nivel
educativo dun país e o crecemento económico do mesmo. “As autoras, Laura
Márquez-Ramos e eu, centramos o estudo no caso de España a nivel agregado e
desagregado (comunidades autónomas), coa fin de detectar se a educación da
poboación repercute de forma significativa na actividade económica do país. A
particularidade do traballo é empregar modelos non lineais de series de tempo
coa fin de explorar se existen limiares no nivel educativo, de tal forma que
superalos ou estar por debaixo deles teña diferentes implicacións para o
crecemento económico. O traballo está
enfocado na miña liña de investigación, que é a aplicación de modelos non
lineais (en particular, de series de tempo) a fenómenos económicos. Se ben
adoito aplicalos a variables macroeconómicas, neste traballo queríamos explorar
como se comportan cando se aplican a outros ámbitos, como por exemplo á
educación, onde non evidenciamos tradición de uso destes modelos”, comenta a
investigadora.
Esforzo e traballo que se ve recompensado
“Non esperaba en
absoluto o galardón. Foi unha gran sorpresa cando dende o Grupo Emerald nos
comunicaron a decisión, indicando que o artigo era, a xuízo do equipo
editorial, un dos máis excepcionais que viron ao longo de 2019. Sen dúbida
supón unha forte satisfacción persoal e profesional, pois non é de todo
habitual recibir mencións no eido da investigación. Aínda que o premio se refire
a un traballo en particular, eu o entendo como un recoñecemento tanto á liña de
investigación na que maioritariamente centro os meus esforzos, como ao froito
da colaboración con outros autores, supoñendo sen dúbida un impulso á miña
traxectoria investigadora”, afirma a doutora.
A investigación, un traballo continuo
“Sigo
permanentemente investigando e teño pensado seguir desenvolvendo traballos na
liña na que estou máis especializada, que é a aplicación de técnicas
estatístico-econométricas para a análise de fenómenos económicos onde o tempo
xoga un papel esencial. En particular, continúo explorando a aplicación de
modelos non lineais de series de tempo a ámbitos da economía onde non é
tradicional o seu emprego como son a educación e o desenvolvemento sustentable
(dous campos que resultan do meu interese), pois considero que teñen un enorme
potencial. Igualmente, traballei e estou a traballar, en proxectos vinculados
ao estudo de fenómenos económicos (e económico-empresariais) nos que aporto outro
tipo de metodoloxías, por resultar máis axeitadas; con isto ademais estimulo a
aprendizaxe continua, a cal resulta fundamental na investigación”, aclara a
doutora Mourelle.