13-10-2020
A pandemia non é un impedimento para retomar as estadías de investigación
A Covid-19 está aí e pode que nos acompañe durante un tempo, pero a
investigación, como a vida mesma, teñen que seguir adiante. Conversamos con
algúns membros da Agrupación que, pese ás circunstancias, mantiveron os seus
plans de realizar unha estadía de investigación noutras Universidades,
españolas e estranxeiras.
Roberto Graña é un investigador predoutoral do Departamento de Economía Financeira e
Contabilidade da Universidade de Vigo, e membro do grupo de investigación RGEAF.
Roberto acaba de comezar a súa estadía na Universidade Autónoma de Madrid.
Para este investigador o máis difícil foi a busca de aloxamento, xa que a
Universidade de destino non tivo ningún problema para aceptar a súa chegada e
puxo todo ao seu favor. "A situación xerada
pola Covid-19 fixo que moitas empresas de aloxamento reduciran a súa
oferta", comenta o investigador. Por outra banda, a súa chegada non lle
foi realizada ningunha proba PCR, pero conta con realizar unha antes de regresar
á nosa comunidade.
Cóntanos que non se lle pasou pola cabeza en ningún
momento perder esta oportunidade. "Penso que a situación afecta ao
desenvolvemento da estadía, tal e como afecta a vida de todo o mundo en xeral.
Non obstante, a actividade investigadora continúa, e hai que seguir facendo todas
actividades posibles coa precaución requirida".
Máis alá do seu optimismo e ilusión, o investigador
recoñece que as circunstancias si que poden afectan a normal continuidade do
proxecto. "A situación limita as actividades que podes realizar, pero hai
que adaptarse porque o proxecto segue en marcha e hai que levalo a cabo. O
punto máis negativo é que se reducen as interaccións socias e a capacidade de
obter redes, un dos obxectivos principais de calquera estadía. As interaccións
virtuais aumentan a causa da complexidade da situación, a cal require de
maiores precaucións", aclara o estudante.
Outro dos investigadores de ECOBAS que está
realizando unha estadía de investigación é Jesús López, Catedrático de
Fundamentos da Análise Económica na Universidade da Coruña, onde imparte
docencia dende 1999, e investigador sénior no Grupo de investigación C+D Group.
O profesor López rematará o 30 de outubro a súa experiencia na Universidade de
Extremadura.
O
catedrático tampouco pensou en ningún momento en pospoñer a estadía, pero si
que modificou os seus plans iniciais. "No meu caso levo moitos anos
facendo estadías regulares no primeiro cuadrimestre do curso, habitualmente
fóra de España. Nesta ocasión, por un lado por mor de potenciais eventualidades
vencelladas á pandemia (corentenas, riscos de enfermar fóra do país, etc.), e por outro polo interese no proxecto que
propuxen por parte do centro receptor, decidín facela en España, xa que as
eventualidades antes mencionadas están minimizadas e ademais os intereses de
investigación están aliñados cos do centro receptor".
"A
planificación da estadía nesta ocasión requiriu dunha coordinación máis precisa das datas e dunha redución do tempo que tiña
inicialmente pensando, por mor dun potencial novo confinamento ou segunda onda
da Covid 19", comenta o investigador. Sen embargo,
realizou a viaxe en automóbil propio e alóxase nunha casa particular, polo que
non se atopou cos problemas do investigador Roberto Graña en canto ao
aloxamento.
O
profesor López é tamén optimista e considera que a situación non vai afectar á experiencia
e ao proxecto. "Grazas a ferramentas como Zoom ou Teams moitas reunións
para discutir temas vencellados cos meus proxectos pódense levar a cabo de
maneira telemática. No meu caso a estadía estase a desenvolver con normalidade
dentro do que é a nova situación. Nas reunión presenciais seguimos os
protocolos sanitarios, pero si que facemos máis uso de ferramentas telemáticas
para comentar nos avances do proxecto", explica o catedrático.
Belén Vallina é tamén investigadora
predoutoral no Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da
Universidade de Vigo, e membro do grupo de investigación RGEAF. Belén comezou a
súa estadía na OCDE en París o día 14 de setembro, e prolongarase ata o día 15
de xaneiro do próximo ano.
A investigadora afirma que
a súa estadía a penas se viu afectada pola situación, e todo está a acontecer
segundo o previsto. Non tivo problemas para realizar a viaxe, os prezos dos
avións baixaron e mantivéronse varias saídas diarias dende Galicia. No caso da
vivenda non foi difícil atopala, pero os prezos na cidade francesa mantivéronse
altos. O Centro de acollida apoiou á estudante dende o primeiro momento e non
mostrou ningunha reticencia para manter o proxecto. Vallina cre que a situación
non modificará os seus plans, e está a desenvolver a súa investigación alternando
traballo presencial e teletraballo, cuns protocolos ríxidos que se revisan
semanalmente.
Está claro que a
investigación non para e menos nun momento no que a sociedade depende dela.
Esperamos que os nosos investigadores teñan unha boa experiencia, que non se
vexa mermada pola situación, e que os coñecementos adquiridos na súa estadía
lle sirvan para continuar a súa investigación de volta en Galicia.